Arredor de sí

 "Arredor de Sí"

Autor: OTERO PEDRAYO, Ramón
Obra: Arredor de sí



    Otero Pedrayo(1888-1976) nace en Ourense en 1888 na mesma casa que nacera catro anos antes Vicente Risco, que pasará a ser o seu íntimo amigo nas empresas culturais e políticas. Fillo dunha familia fidalga das terras de Trasalba, médico de profesión e de ideoloxía liberal. Aos 16 anos queda orfo de pai e marcha a Madrid a estudar por libre as carreiras de Dereito e Filosofía e alí frecuenta os faladoiros literarios. Volta a Ourense en 1911 e empeza a actividade cultural con Risco e Cuevillas, así coma con Antón Losada, que exercerá sobre el unha grande influencia como pensador católico-galeguista, de forma que entra a formar parte das Irmandades da Fala. Comeza a escribir en 1925, aos 37 anos e xa non deixará de facelo con numerosas obras. Cando estoupa a Guerra Civil, logra salvar a súa vida posiblemente grazas a ese catolicismo manifesto. Mais non se libra da represión franquista e é inhabilitado como profesor, Refúxiase no pazo familiar de Trasalba onde atravesa un período de medo e confusión e pasa a escribir en castelán. Ata que en 1947, con 59 anos, tras unha viaxe a Bos Aires na que se atopa cos galeguistas exiliados encabezados polo propio Castelao, Otero reencontra un punto de confianza no seu galeguismo que se torna cada vez máis público e arriscado en pleno franquismo. Volta a escribir en galego. En 1950 gaña a cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago onde traballará ata xubilarse e colaborando coa creación da editorial Galaxia, acode aos faladoiros con Méndez Ferrín, Franco Grande, etc. Adquirindo a aureola de “Patriarca das Letras Galegas” porque participa en todos os actos culturais polos pobos de Galicia pronunciando pregóns e colaborando en moitas revistas. Morre en Ourense en 1976, aos 88 anos.

Na súa traxectoria podemos diferenciar dúas etapas.

1ª. Etapa pre-galeguista, retratada por el mesmo na súa novela Arredor de si, e que participa dos mesmo trazos descritos por Risco en Nós, os inadaptados: individualismo, despreocupación polos problemas sociais, elitismo, etc.


Otero Pedrayo, imaxe recollida en consellodacultura.org
2ª etapa: asunción do galeguismo: a influencia que exerceu sobre el Losada Diéguez, un agrarista católico de O Carballiño e membro das Irmandades da Fala, fai que Otero se decante progresivamente polo galeguismo do que será co tempo unha figura sobranceira.
O pensamento galeguista de Otero, a diferenza do de Castelao, está empapado de tradicionalismo e conservadorismo sociais. É un galeguismo profundamente católico e ruralista. Para Otero a esencia de Galicia non pode explicarse á marxe da relixión católica e do mundo rural, e todo o que non encaixe neste esquema serán alleas ao verdadeiro espírito galego e unha ameaza contra el, como son o crecemento urbano, o pensamento contrario ao catolicismo, o marxismo, a psicanálise, etc.

Para Otero, Galicia é filla da Igrexa católica e ten tamén un tremendo desprezo polo mundo burgués, polo poder do diñeiro que se traduce nun profundo sentimento anticapitalista e polo mundo presente que é revolto e conflitivo, cunha especie de saudade dos tempos idos. Otero procede dunha clase social, a fidalguía, ou señores da terra, que tiveran o poder absoluto na Galicia do pasado e que nos tempos en que vive apenas é un refugallo histórico, polo ascenso da burguesía tamén foránea , como reflicte Risco na obra O porco de pé, e a axitación agrarista campesiña que demanda a propiedade das terras e a fin do sistema foral.

Por iso, nas súas obras Otero presenta a perda do poder da fidalguía a mans dos tendeiros foráneos, non tanto coma un fenómeno de raíz económica, senón como un problema de perda da xerarquía espiritual e cultural de “valores”.

Os señores da terra abandonan a súa sagrada misión de rexer a harmonía da Galicia rural, non saben defender a tradición, desertan da aldea e do traballo do campo, caen na preguiza... e o resultado é que o agro se contamina, os labregos empápanse de materialismo e novas ideas, pérdense as tradicións, a relixiosidade, etc. E logo, aparece unha fidalguía arruinada que busca a súa salvación nos postos burocráticos do Estado, un campesiñado desprotexido que abandona o vello xeito de voda para incorporarse na modernidade e unha burguesía que impón as regras do capitalismo máis deshumanizador e cobizoso. Otero foi a conciencia crítica dunha clase social, a fidalguía, considerada como o poder espiritual e intelectual, que debe exercer o paternalismo e non a explotación.

Por iso, o campesiñado que aparece nas súas obras non é nunca real, non está a protagonizar a reivindicación agrarista, senón que está ausente desa clase social tan dinámica da nova Galicia: o proletariado. Por iso aparecen fidalgos que forman unha minoría consciente, galeguista e rexeneradora, como Adrián Solovio en Arredor de si.

Todas as súas obras focalizan na 3ª persoa, cun narrador omnisciente que controla a narración e deixa pouco espazo de acción aos personaxes que case non chegan a ser por si mesmos. Por iso son máis ben arquetipos que sosteñen a idea do narrador, de forma que a identificación do narrador co personaxe é total. O narrador vai ofrecendo unha visión psicolóxica do personaxe dando trazos sobre o seu carácter sempre en relación coa paisaxe, que ten unha importancia vital. As obras sitúanse sempre en lugares concretos, determinados, e aínda que non se digan os topónimos, sabemos que estamos en Galicia.

Os personaxes son arquetipos, persoas con posicións claras desde sempre, ou camiñan cara a elas; son a representación de ideas e condutas que o autor apoia ou non, incluso nalgúns textos nin teñen nome. Mais a pesar disto, están caracterizados psicoloxicamente moi polo miúdo porque son representantes de ideas. Os fidalgos son lacazáns e estragadores do patrimonio, sendo poucos os que miran polo patrimonio. As fidalgas mulleres, son as anegadas, pacientes, fermosas de bo carácter e as que axudan a conservar os bens. Os campesiños están unidos á terra e son os defensores dela aínda que sempre pode haber algún que quere fuxir.

Como conclusión podemos dicir que nesta novela nárrase a viaxe interior que realiza Adrián Solovio na procura de si mesmo ou da súa identidade. Otero utiliza a viaxe como imaxe da procura do coñecemento, lento, propio da pescuda nas profundidades do propio eu ata acadar a conciencia e a sabedoría. Adrián busca por Madrid primeiro na cultura española, e logo en Europa a resposta ás súas dúbidas. Ese desprazamento non é máis que a imaxe da súa outra viaxe interna, do difícil proceso intelectual e sentimental que o vai levar á descuberta da súa terra: primeiro a descuberta é física, simbolizada no mapa de Fontán, e despois a espiritual-cultural.

O personaxe é apenas un esquema de pensamento, un recurso que sirve ao autor para expoñer o seu discurso ideolóxico. Os outros personaxes son figurantes ao servizo da evolución de aquel. En don Bernardo e dona María vemos o peso da tradición e vinculación á terra. No seu irmán Xacobe vemos a modernidade e o apego aos bens materiais. Na marquesa de Portocelos o revulsivo que o fará decatarse do autoodio na súa ansia de europeísmo baleiro e que desencadeará a súa volta a Galicia.

A novela ten unha interpretación biográfica xa que a xeración se viron reflectidos nela ao desvelárselles a realidade cultural galega que tiñan diante e coa que se van comprometer.


Para rematar podemos dicir que Adrián Solovio converterase, a partir desta obra, no símbolo daqueles que miran tanto para fóra, que valoran o de fóra, que buscan por fóra con entusiasmo, e todo o teñen aquí, diante dos ollos, na mesma terra que pisan. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario